Tlf. 988 205 134    |    Fax 988 205 107   |   info@concellodecoles.com
Web en Galego GALEGO    |    Web en Castellano CASTELLANO

Últimas Novas de Coles

MANIFESTO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO - C.I.M. MANCOMUNIDADE SANTA ÁGUEDA

24/11/2016 - Novas do Concello

O día 25 de Novembro conmemoramos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, unha data que, un ano mais volvemos a sinalar desgrazadamente no calendario. Un día tinguido de morado, a cor da muller, en recordo a todas aquelas mulleres que continúan sendo vítimas de abusos e vexacións a mans da súa parella, ou que sinxelamente xa non están...

A violencia machista é unha das mais degradantes violacións dos Dereitos Humanos e non coñece de límites xeográficos, culturais nin de niveis económicos, unha inxustiza manifesta nos nosos fogares, no traballo e nas rúas, impedindo que a sociedade avance por un camiño de igualdade e de benestar.

Por todo isto, podemos afirmar que as mulleres, polo feito de selo, somos vítimas de esta violencia dentro dun modelo de sociedade patriarcal que segue discriminando, infravalorando e recortando moi gravemente os dereitos e liberdades fundamentais de mulleres e nenas.

Esta lacra desaparecerá cando as mulleres deixen de ser cidadanas de segunda e participen de forma igualitaria na sociedade. Desaparecerá cando deixen de estar á cabeza das cifras de pobreza, das listas de desemprego e de sufrir infravaloración dos nosos traballos e dos problemas de conciliación da nosa vida persoal, laboral e pública. Desaparecerá cando se deixe de empregar a nosa imaxe como obxecto de consumo, cando as nosas palabras se escoiten co mesmo volume que as dos homes e cando se nos nomee e se nos visibilice en tódolos espazos sociais. Desaparecerá cando exista unha verdadeira educación non sexista onde as nenas e os nenos teñan presente o futuro coas mesmas posibilidades.

Pero a violencia machista non se da soamente nestes ámbitos de parella e de familia, se non que tamén noutros contextos ou manifestacións mais alá dos asasinatos: A trata de mulleres existe no noso país. Mulleres vítimas do engano con falsas promesas de traballo e obrigadas a prostituírse baixo ameazas e extorsión. E tamén a mutilación xenital feminina, que non só se da en países subdesenrolados, se non que alcanza a través das migracións a países como o noso. Millóns de nenas son sometidas a estas prácticas con secuelas físicas e psíquicas irreversibles para elas.

Aínda que somos conscientes dos grandes avances que houbo na igualdade e na non discriminación, tamén é unha realidade que hoxe nos queda moito camiño por recorrer, polo que, queremos deixar patente o noso rexeitamento á violencia de xénero e fomentar modelos alternativos de convivencia, baseados no respecto e na igualdade. Por todo isto, con este manifesto:

- Queremos proclamar que a sociedade non pode nin debe tolerar unha morte nin agresión mais.

- Queremos proclamar que a sociedade non pode xustificar nin protexer ós homes que agriden, insultan, humillan, acosan e asasinan.

- Queremos proclamar que ningunha muller merece ser maltratada e que ninguén xustifica ó home que emprega a violencia para dobregala e sometela, co único fin de perpetuar o machismo.

Con este manifesto tamén queremos pedir que as institucións responsables articulen todos os recursos ó seu alcance para loitar contra esta lacra social, para que as mulleres teñamos unha resposta inmediata e efectiva cando pedimos axuda, garantindo a nosa seguridade e propiciando o noso benestar e os dos noso fillos e fillas.

Xa para finalizar, recordarvos a todas e todos: Se algo caracteriza as mulleres é a nosa fortaleza. Por isto, como muller, pido a todas as mulleres que nunca dubiden das súas capacidades, nin como persoa, nin como nai, nin como profesional. Todo isto lles axudará a saír adiante e non ceder ante as adversidades. E ós homes, que continúen mostrándose inflexibles ante calquera tipo de comportamento vexatorio neste plano. Xuntos podemos acabar con esta praga silenciosa que continúa tan presente na nosa sociedade.


TRATAMENTOS PREVENTIVOS CONTRA O CHANCRO DO CASTIÑEIRO

21/11/2016 - Novas do Concello

A Consellería de Medio Rural pon en funcionamento un programa de tratamento preventivo con cepas hipovirulentas contra o chancro do castiñeiro.

As persoas interesados en participar neste programa de loita biolóxica, poderán ser tanto propietarios particulares como asociacións de propietarios, e poderán contactar a través dos teléfonos das Xefaturas provinciais dos Servizos de Montes (988 687 583) ou nos Distritos Forestais (988 386 025), así como tamén mediante correo electrónico (montes.medio-rural.ourense@xunta .gal), e no propio concello de Coles (988 205 134) sen prexuízo de presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Xúntase a solicitude de tratamento das parcelas, que deberán ser debidamente cumprimentadas polos interesados/as.


BASES PARA A CONTRATACION DE PERSOAL DE AXUDA NO FOGAR

17/11/2016 - Novas do Concello

A presente convocatoria ten por obxecto a selección de cinco traballadores/as para o desempeño do posto de “Auxiliar de axuda no fogar” mediante a formalización de contrato laboral temporal.

TIPO DE CONTRATO: OBRA OU SERVIZO

DURACIÓN ESTIMADA: 12 MESES (01/01/2017-31/12/2017)

XORNADA: COMPLETA

HORARIO : 40 H/SEMANAIS DE LUNS A DOMINGO

O prazo de presentación de solicitudes e ata o día 24 de novembro


DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA

14/11/2016 - Novas do Concello

O mércores, día 16 ás 18:30 h  no salón de plenos do concello de Coles, técnicos da Xunta de Galicia e do Inega, realizarán unha xornada informativa encamiñada a  entender mellor a factura da luz,  na cal se aclararán dúbidas e responderán preguntas a tódolos veciños e veciñas. Con esta iniciativa a Xunta procura achegar as claves para que os consumidores poidan aforrar no seu recibo eléctrico.

Esta campaña facilitará a comprensión da factura e informará sobre como reducir o gasto a través de aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. Tamén dar a coñecer os dereitos que nos asisten ós consumidores eléctricos.

Ademais, farase fincapé no aforro e a eficiencia enerxética, e achegarase información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.

E farase especial fincapé nos consumidores máis vulnerables, con medidas como o tícket eléctrico social, co que xa se apoiou a preto de 5.000 familias, para contribuír ó pago da factura da luz con ata 300 euros ó ano. Esta medida está orientada a evitar os cortes de subministración eléctrica por impago.

 Apostando polo aforro e a eficiencia enerxética, con iniciativas como o Plan de aforro e eficiencia enerxética nas vivendas galegas, que impulsa a mellora das infraestruturas cara a construcións máis eficientes e o emprego de fontes de enerxía renovables.


CESIÓN PARCELA Á CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

07/11/2016 - Novas do Concello

O concello de Coles levou a cabo a compra dunha parcela lindeira ao C.P.I. ANTONIO FAÍLDE, coa fin de mellorar os accesos dos autobuses para realizar a manobra de entrada e saída á C.N. 525 e a seguridade do alumnado.

Dita parcela, de 635 metros cadrados, púxose a disposición da Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria, coa pretensión de aumentar a zona de estacionamento de autobuses e ampliación de aparcadoiro de vehículos particulares.


 

Icono de conformidad con el Nivel Doble-A, 
	de las Directrices de Accesibilidad para el 
	Contenido Web 1.0 del W3C-WAI ¡CSS Válido!Valid XHTML 1.0 Transitional
Programación e Deseño Web: Ainet Consulting
(C) Concello de Coles - Aviso Legal