Tlf. 988 205 134    |    Fax 988 205 107   |   info@concellodecoles.com
Web en Galego GALEGO    |    Web en Castellano CASTELLANO

Últimas Novas de Coles

TALLER BAILE MODERNO

04/12/2016 - Novas do Concello

O Concello de Coles organiza un taller de “Baile Moderno”.

Cada vez gusta máis o baile, e é por iso que quixemos converter o baile nun xogo no que ademais de aprender a bailar as cancións máis actuais cos estilos máis de moda (Hip-hop, Funky, House, Dance Hall, Street dance, Ragga, etc), fagan exercicio e melloren a súa coordinación.

Os talleres serán os días 28 de decembro e 4 de xaneiro, con horario de 18:00 h. a 19:00 h.

O que se pretende é crear unas clases de Baile Moderno ó longo do curso.

O baile é unha actividade que debería formar parte do desenvolvemento de todos os nenos e nenas xa que, a través del, van poder desenvolver unha mellor coordinación dos seus movementos, unha mellor rítmica, un maior control e coñecemento do seu corpo, desenvolver a memoria e mellorar as súas relacións sociais con outros nenos, ademais de, por suposto, estar a realizar un exercicio físico no que se moven e fortalecen todos os músculos do corpo.

Está dirixido a nenos e nenas a partir de 12 anos e será gratuíto.

A inscrición farase na Casa do Concello antes do día 22 de decembro.


LUDOTECA NADAL

04/12/2016 - Novas do Concello

Un ano máis, o Concello de Coles organiza a ” LUDOTECA DE NADAL”.

As mañás lúdicas preséntanse como unha alternativa no tempo de lecer, para que os nenos e nenas aproveiten o horario laboral dos seus maiores para xogar, aprender, bailar, facer deporte e relacionarse con máis nenos cos que compartan intereses comúns, sen esquecer o importante fondo educatico.

Entre as actividades que se levarán a cabo están: obradoiros de Nadal, xogos tradicionais polo bosque, festa de fin de ano, elaboración de manxares de Nadal e festa de Reis, entre outras.

A ludoteca vai dirixida a nenos e nenas dende os 3 ós 12 anos.

A inscrición farase na Casa do Concello antes do día 22 de decembro.

As datas nas que terá lugar a ludoteca serán o 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro de 2016 e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2017, en horario de 10:00 a 13:00h.

O custo total será de 25 euros.

A ludoteca será impartida por A RUN RUN xogos e enredos.

Existe a posibilidade de ampliar horario de 9:00 h a 14:00 h, cun custo de 35 euros.

As prazas son limitadas, con prioridade para nenos e nenas empadroados/as.


NADAL AUDITORIO DE COLES

04/12/2016 - Novas do Concello

O Concello de Coles organiza, un ano máis, o programa de actos no Auditorio de Coles, con motivo das festas de Nadal.

As actividades e actuacións, están dirixidas ó público en xeral e serán gratuítas.

Comezaremos este programa de Nadal o domingo día 11 ás 18:30 h, cun concerto a cargo da “CORAL DA RUADA”, que nos trae o seu “Festival de Ruada da Ourensanía”

O domingo día 18 ás 18:30 h, poderemos desfrutar co concerto a cargo da CORAL "ENCANTIÑO" (Barra de Miño) e da CORAL “OS TRINOS” (Gustei)

O venres día 23 ás 18:00 h, concerto de Nadal por parte dos alumnos e alumnas da “ESCOLA DE MÚSICA DE COLES”, coa participación da “BANDA INFANTIL SANTÁDEGA”.

E o estreno da “ESCOLA DE TEATRO DE COLES” ca peza cómica da “CANTATA DOS PASTORES” do século XVII.

O martes día 27 de decembro e o martes día 3 de xaneiro ás 16:30 h. teremos CINE INFANTIL.

E, para rematar, o domingo día 8 ás 18:30 h. concerto a cargo da CORAL: "AGARIMO” (O Porriño) e da CORAL “CANTARES DE COLES” (Coles).


MANIFESTO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO - C.I.M. MANCOMUNIDADE SANTA ÁGUEDA

24/11/2016 - Novas do Concello

O día 25 de Novembro conmemoramos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, unha data que, un ano mais volvemos a sinalar desgrazadamente no calendario. Un día tinguido de morado, a cor da muller, en recordo a todas aquelas mulleres que continúan sendo vítimas de abusos e vexacións a mans da súa parella, ou que sinxelamente xa non están...

A violencia machista é unha das mais degradantes violacións dos Dereitos Humanos e non coñece de límites xeográficos, culturais nin de niveis económicos, unha inxustiza manifesta nos nosos fogares, no traballo e nas rúas, impedindo que a sociedade avance por un camiño de igualdade e de benestar.

Por todo isto, podemos afirmar que as mulleres, polo feito de selo, somos vítimas de esta violencia dentro dun modelo de sociedade patriarcal que segue discriminando, infravalorando e recortando moi gravemente os dereitos e liberdades fundamentais de mulleres e nenas.

Esta lacra desaparecerá cando as mulleres deixen de ser cidadanas de segunda e participen de forma igualitaria na sociedade. Desaparecerá cando deixen de estar á cabeza das cifras de pobreza, das listas de desemprego e de sufrir infravaloración dos nosos traballos e dos problemas de conciliación da nosa vida persoal, laboral e pública. Desaparecerá cando se deixe de empregar a nosa imaxe como obxecto de consumo, cando as nosas palabras se escoiten co mesmo volume que as dos homes e cando se nos nomee e se nos visibilice en tódolos espazos sociais. Desaparecerá cando exista unha verdadeira educación non sexista onde as nenas e os nenos teñan presente o futuro coas mesmas posibilidades.

Pero a violencia machista non se da soamente nestes ámbitos de parella e de familia, se non que tamén noutros contextos ou manifestacións mais alá dos asasinatos: A trata de mulleres existe no noso país. Mulleres vítimas do engano con falsas promesas de traballo e obrigadas a prostituírse baixo ameazas e extorsión. E tamén a mutilación xenital feminina, que non só se da en países subdesenrolados, se non que alcanza a través das migracións a países como o noso. Millóns de nenas son sometidas a estas prácticas con secuelas físicas e psíquicas irreversibles para elas.

Aínda que somos conscientes dos grandes avances que houbo na igualdade e na non discriminación, tamén é unha realidade que hoxe nos queda moito camiño por recorrer, polo que, queremos deixar patente o noso rexeitamento á violencia de xénero e fomentar modelos alternativos de convivencia, baseados no respecto e na igualdade. Por todo isto, con este manifesto:

- Queremos proclamar que a sociedade non pode nin debe tolerar unha morte nin agresión mais.

- Queremos proclamar que a sociedade non pode xustificar nin protexer ós homes que agriden, insultan, humillan, acosan e asasinan.

- Queremos proclamar que ningunha muller merece ser maltratada e que ninguén xustifica ó home que emprega a violencia para dobregala e sometela, co único fin de perpetuar o machismo.

Con este manifesto tamén queremos pedir que as institucións responsables articulen todos os recursos ó seu alcance para loitar contra esta lacra social, para que as mulleres teñamos unha resposta inmediata e efectiva cando pedimos axuda, garantindo a nosa seguridade e propiciando o noso benestar e os dos noso fillos e fillas.

Xa para finalizar, recordarvos a todas e todos: Se algo caracteriza as mulleres é a nosa fortaleza. Por isto, como muller, pido a todas as mulleres que nunca dubiden das súas capacidades, nin como persoa, nin como nai, nin como profesional. Todo isto lles axudará a saír adiante e non ceder ante as adversidades. E ós homes, que continúen mostrándose inflexibles ante calquera tipo de comportamento vexatorio neste plano. Xuntos podemos acabar con esta praga silenciosa que continúa tan presente na nosa sociedade.


TRATAMENTOS PREVENTIVOS CONTRA O CHANCRO DO CASTIÑEIRO

21/11/2016 - Novas do Concello

A Consellería de Medio Rural pon en funcionamento un programa de tratamento preventivo con cepas hipovirulentas contra o chancro do castiñeiro.

As persoas interesados en participar neste programa de loita biolóxica, poderán ser tanto propietarios particulares como asociacións de propietarios, e poderán contactar a través dos teléfonos das Xefaturas provinciais dos Servizos de Montes (988 687 583) ou nos Distritos Forestais (988 386 025), así como tamén mediante correo electrónico (montes.medio-rural.ourense@xunta .gal), e no propio concello de Coles (988 205 134) sen prexuízo de presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Xúntase a solicitude de tratamento das parcelas, que deberán ser debidamente cumprimentadas polos interesados/as.


 

Icono de conformidad con el Nivel Doble-A, 
	de las Directrices de Accesibilidad para el 
	Contenido Web 1.0 del W3C-WAI ¡CSS Válido!Valid XHTML 1.0 Transitional
Programación e Deseño Web: Ainet Consulting
(C) Concello de Coles - Aviso Legal