Tlf. 988 205 134    |    Fax 988 205 107   |   info@concellodecoles.com
Web en Galego GALEGO    |    Web en Castellano CASTELLANO

Últimas Novas de Coles

PROXECCIÓN DE "A ESMORGA"

29/07/2016 - Novas do Concello

O Concello de Coles, coa colaboración da Deputación de Ourense, acolle este venres, día 29, ás 22:30 horas, na Praza do Concello, a proxección de “A Esmorga”. Baseada na novela de Eduardo Blanco Amor, a película está dirixida por Ignacio Villar e interpretada nos seus principais papeis por Karra Errejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán Morris. O veciño de Ames, Pepo Suevos, tamén forma parte do elenco. O filme, nominado ao premio de mellor guión adaptado na edición dos Premios Goya de 2014, narra 24 horas na vida de tres compañeiros de farra.

A novela de Eduardo Blanco Amor na que se basea a película de Ignacio Villar, foi publicada en Buenos Aires en 1959 e en Galicia en 1970. Foi unha das primeiras novelas galegas de posguerra e marcou un fito na historia da literatura galega. O libro foi adaptado tamén ao teatro e traducido a varias linguas. A historia está ambientada na cidade de Ourense, lugar onde se rodou a película, e onde transcorre a noite de troula dos tres personaxes principais: Cibrán o Castizo, Xanciño o Bocas, e Aladio Milhomes, que botan de bebedela un día enteiro e máis a súa noite, unha noite que rematará traxicamente co falecemento de dous deles e o axuizamento do terceiro.

O filme, que ten unha duración de 111 minutos, está interpretado polos actores galegos Miguel de Lira, Antonio Durán “Morris”, Ledicia Sola, Sabela Arán, Monti Castiñeiras, Mela Casal, Santi Prego, Alfonso Agra, Mónica García, Elena Seijo, Covadonga Berdiñas, Lois Soaxe, Amelia Guede e Melania Cruz. Tamén forman parte do elenco Karra Elejalde e Pepo Suevos.

Da adaptación do guión encargáronse Carlos Asorey e o propio director da película, Ignacio Vilar. A música é de Zeltia Montes e a dirección de fotografía correu a cargo de Diego Romero.

A película está recomendada para maiores de 16 anos


CAMPAMENTO MUNICIPAL DE VERÁN DE INGLÉS PARA A MOCIDADE ENTRE 13 E 15 ANOS

10/06/2016 - Novas do Concello

No seo do Programa para a Xuventude 2016, que está organizado polos Concellos de: Coles, Amoeiro e Maside, ofrécese a posibilidade de participar a mozas e mozos destes concellos entre 13 e 15 anos neste Campamento de Verán de Inglés.

O campamento desenvolverase do 16 ó 22 de agosto nas instalacións do Hotel de 4 estrelas Vía Argentum, sito en Silleda, e ten por finalidade básica superar a desigualdade na posibilidade de acceso dos nosos fillos e das nosas fillas ós centros de aprendizaxe da lingua inglesa, dispoñendo para iso de clases amenas e de múltiples obradoiros.

Ó mesmo tempo que se desenvolve esta actividade educativa, os rapaces e as rapazas disporán de actividades de ocio que se realizarán nas magníficas instalacións deste hotel.

OBXECTIVOS 

A nivel xeral, achegar ós rapaces e ás rapazas do rural a unha nova inmersión lingüística en inglés, a nivel oral e escrito, así como crear a posibilidade de que vivan unha experiencia, cun formato propio, das estadías no estranxeiro. Ó rematar o campamento poderán obter unha mellor valoración da aprendizaxe adquirida, tendo a posibilidade de superar a avaliación realizada polos prestixiosos exames de Cambrigde nas catro destrezas lingüísticas (comprensión escrita, expresión escrita, comprensión oral e expresión oral). Óptase polos exames de Cambrigde como meta, debido a que teñen unha correspondencia directa co marco común europeo de referencia para as linguas (MCER), que é o estándar internacional que define a destreza lingüística.

CUSTO E PRE-INSCRICIÓNS

O custo do campamento é de 100 euros por participante. Prioridade empadroados/as  

Para formalizar as pre-inscricións será necesario facilitar os seguintes datos:

  • Nome e apelidos.
  • DNI
  • Dirección, teléfono e e-mail (optativo) do responsable familiar así como do/a menor con interese en participar no campamento.

Estas informacións poderanse facilitar a partires do luns de 13 xuño e a través de calquera dos seguintes medios:

  • Tlf.: 988205134
  • En persoa, nas oficinas da Casa do Concello.

Despois de analizar as pre-inscricións recibidas nos tres municipios, comunicaranse as admisións ó campamento.

As prazas son limitadas.

 


CAMPAMENTO DE DÍA “DANZA E NATUREZA”

10/06/2016 - Novas do Concello

O Campamento de Día “DANZA E NATUREZA” desenvolverase no Centro de Educación Ambiental EQUAL, na parroquia de A Barra, coa colaboración do CENTRO COPELIA.

O campamento está enfocado para mozos e mozas de idades entre 7 e 14 anos.

A data de realización do campamento será do 4 ó 8 de xullo, con horario de 9 h a 18:30 h.

O día a día confórmase coas actividades programadas, algunhas delas de realización diaria, como DANZA, piscina e outras formadas por obradoiros de medio ambiente, teatro e manualidades, así como diferentes xogos.

Desenvolverase unha actividade diaria de carácter lúdico na que os diversos xeitos de comunicación e relación interpersoais, a través do xogo, o deporte, a arte, o teatro e a interacción coa natureza, serán elementos moi importantes que van favorecer a diversión, a convivencia e a cooperación.

Coa expresión plástica e artística as nenas e os nenos serán capaces de interpretar os diversos códigos expresivos, mellorar as súas habilidades comunicativas e facer un uso axeitado do espazo.

A paisaxe natural e humán que vai servir como escenario, durante o campamento que presentamos, é rural de interior. Esta característica facilitará o achegamento á natureza e á xente que conforma esta pequena aldea de A Barra. Pretendemos con este campamento achegar ós participantes á natureza para observala, desfrutala e interpretar a súa linguaxe plástica.

O desenvolvemento do campamento acolle outras actuacións, como son a animación e a educación ambiental, presentando unhas actividades troncais en torno á temática elexida e outras que están presentes de xeito transversal ó longo do desenvolvemento do campamento en todas as actividades da vida cotiá e que están relacionadas coa adquisición de procedementos e comportamentos durables no tempo e relativos ó aseo persoal e á hixiene, á saúde e a prácticas ambientais sinxelas.

CUSTO E PRE-INSCRICIÓNS

O custo do campamento é de 85 euros por participante.  Soamente empadroados/as.

Para formalizar as pre-inscricións será necesario facilitar os seguintes datos:

  • Nome e apelidos.
  • DNI
  • Dirección, teléfono e e-mail (optativo) do responsable familiar así como do/a menor con interese en participar no campamento.

Estas informacións poderanse facilitar a partires do luns 13 de xuño, e a través de calquera dos seguintes medios:

  • Tlf.: 988205134
  • En persoa, nas oficinas da Casa do Concello.

As prazas son limitadas.


CAMPAMENTO MUNICIPAL DE VERÁN 2016 EN PORTO DO SON PARA A MOCIDADE ENTRE 12 E 14 ANOS

10/06/2016 - Novas do Concello

No seo do Programa para a Xuventude 2016, que está organizado polos  Concellos de: Coles, Amoeiro e Maside, ofrécese a posibilidade de participar a mozas e mozos de ditos concellos, entre 12 e 14 anos, no Campamento de Verán Virxe de Loreto.

O campamento desenvolverase entre o 17 e o 22 de xullo nas instalacións homónimas da Xunta de Galicia, sitas á beira do mar en A Aguieira, a 2 quilómetros de Porto do Son (A Coruña).

O campamento terá como piares fundamentais a tolerancia, a igualdade, a revalorización dos recursos naturais e a aposta por un futuro sostible.

Todas as actividades adaptaranse ó grupo de idade, e procurarán, ademais da súa vertente lúdica, o desenvolvemento de habilidades e capacidades para coñecer o medio natural, así como para por en marcha novas alternativas que permitan un desenvolvemento máis sostible, fomentando o entusiasmo, a curiosidade e o interese como base da aprendizaxe.

OBXECTIVOS

Trátase dun campamento con temática ambiental, situado a carón do mar, que se levará a cabo nun ambiente de igualdade e amizade, e no que se descubrirá o fascinante mundo da natureza mariña a través de xogos e dinámicas de grupo.

Combina diversidade de actividades educativas en contacto coa natureza, promove a sensibilidade medioambiental xunto a identificación dos valores humanos de convivencia na mesma, dando cabida a xogos, dinámicas de grupo, obradoiros, excursións, actividades multiaventura e debates sobre as solucións que necesita o planeta.

A metodoloxía e os obxectivos teñen como referencia a Estratexia Galega de Educación Ambiental e inclúen os seguintes:

  • Vivenciar o entorno máis natural e salvaxe da costa galega.
  • Descubrir e empatizar coa natureza como método de sensibilización social.
  • Espertar emocións e sentimentos a partires de experiencias vivenciais.
  • Potenciar as relación interpersoais, as habilidades sociais e a cooperación, para actuar en defensa do medio e estimular o sentido da responsabilidade e a creatividade.

INSTALACIÓNS E ACTIVIDADES

O campamento, conformado por tendas de campaña, ten un comedor cuberto, pista polideportiva e un recinto cuberto para obradoiros. Os aseos e os exteriores non están adaptados para situacións de discapacidade.

O abano de actividades inclúe kaiak, paddle surf, biomergullo mariño, escalada, surf, bodyboard, orientación, bicicleta, rapel, xeocaptura, tirolesa, tiro con arco e slack-line.

CUSTO E PRE-INSCRICIÓNS

O custo do campamento é de 85 euros por participante. Prioridade empadroados/as

Para formalizar as pre-inscricións será necesario facilitar os seguintes datos:

  • Nome e apelidos.
  • DNI
  • Dirección, teléfono e e-mail (optativo) do responsable familiar así como do/a menor con interese en participar no campamento.

Estas informacións poderanse facilitar a partires do luns 13 de xuño e a través de calquera dos seguintes medios:

  • Tlf.: 988205134
  • En persoa, nas oficinas da Casa do Concello.

Despois de analizar as pre-inscricións recibidas nos tres municipios, comunicaranse as admisións ó campamento.

As prazas son limitadas.

 


CAMPAMENTO DE VERÁN CONCELLO DE COLES

10/06/2016 - Novas do Concello

O Concello de Coles organiza o "Campamento de Verán" co fin de levar a cabo a conciliación da vida familiar e laboral en períodos non lectivos, dentro de espazos formativos para a aprendizaxe e, entre outros obxectivos, fomentar a creatividade por un lado e ensinar valores como a tolerancia, a solidariedade e a responsabilidade.

O Campamento levarase a cabo entre os días 27 de xuño e 29 de xullo, con horario de 10:00 a 13:00 horas, no que se mesturarán actividades tales como baile, xogos populares, contacontos e manualidades, xunto campionatos de xadrez, gimcanas de auga.... 

O custo do campamento é de 40 euros.

O campamento está dirixido a nenos/nenas con idades entre 3 e 11 anos.

O prazo de inscrición remata o xoves día 23.

As prazas son limitadas. Prioridade empadroados/as  


 

Icono de conformidad con el Nivel Doble-A, 
	de las Directrices de Accesibilidad para el 
	Contenido Web 1.0 del W3C-WAI ¡CSS Válido!Valid XHTML 1.0 Transitional
Programación e Deseño Web: Ainet Consulting
(C) Concello de Coles - Aviso Legal