Tlf. 988 205 134    |    Fax 988 205 107   |   info@concellodecoles.com
Web en Galego GALEGO    |    Web en Castellano CASTELLANO

Últimas Novas de Coles

CONCERTO BANDA DE MÚSICA "SANTÁDEGA"

14/11/2017 - Novas do Concello

O sábado día 25 de novembro, ás 19:00 horas no Auditorio de Coles, a Banda de Música “SANTÁDEGA” ofrecerá un concerto para celebrar Santa Icía - Patroa da música.

A banda de música Santádega nace en marzo do 2008 por iniciativa de Luís Humberto Cao Fernández, pianista natural de Vilarchao (Coles). A denominación ten a súa orixe no castro da Santádega, (Cuadernos de Estudios Gallegos LIII, N.º 119 D. Ramón Otero Pedraio).

Esta iniciativa tamén vai parella á Escola de Música Municipal de Coles, na que se están formando os novos músicos. 

A idea foi acollida con entusiasmo por considerala de grande interese sociocultural para a recuperación da memoria musical desta zona na que as bandas tiveron un importante protagonismo.

Chegamos a ter ata oito bandas de música nas que os seus compoñentes, tanto músicos como directores, sempre se distinguiron polo seu talento e profesionalidade: Vilarrubín (1.850-1.955), Amoeiro (1.927-1.951), Rivela (1.905-1.951), Bóveda (1.930-1.959), Cornoces (1.918-1.935), Cambeo (1.930-1.945), Albán (1.925-1.952) e Coles (1.950-1.959).

Podemos citar algúns dos seus compoñentes, que estarán na mente de todos, como: Xosé Figueiras, Edmundo Figueiras, Claudino, Lloves, Prada, Facundo de Cambeo, Cándido Fernández, Chicho de Albán, Segis e Eliseo de Vilarchao, Manuel González, Hipólito, Adolfo de Vilarrubín, Lolo de Vilarchao, Manuel Cao, Berto e Adolfo de Cudeiro (os Pichís)...

O concerto inaugural tivo lugar o día 3 de maio do 2008 en San Eusebio (Coles), posteriormente realiza concertos en varias localidades de Galicia. Nestes anos de experiencia, a banda foi consolidando un historial digno de ter en conta, cun repertorio coidado e cunha interpretación moi matizada.


RECIBOS IMPOSTO SOBRE BENS INMOBLES

14/11/2017 - Novas do Concello

Como resultado do procedemento de REGULARIZACIÓN CATASTRAL realizado polo MINISTERIO DE HACIENDA Y FUNCIÓN PÚBLICA, no concello de COLES e en cumprimento da Lei Xeral Tributaria (Lei 58/2003, do 17 de decembro) e Lei Reguladora das Bases do Réxime Local (Lei 7/1985, do 2 de abril), procederase ao envío das liquidacións non prescritas, ás persoas afectadas, do imposto sobre bens inmobles (IBI).

Nas devanditas liquidacións a notificar, constan deducidas as cantidades liquidadas en anos anteriores pola mesma referencia catastral se fóra o caso.

Para calquera dúbida ou aclaración, o servizo de recadación da Mancomunidade Santa Águeda atenderaos en horario 9:00 horas a 14:00 horas ou ben en telefono 988 281 930.

Os contribuíntes afectados poderán solicitar fraccionamento do pago da débeda nas dependencias do concello de Coles ou da Mancomunidade Santa Águeda, quedando supeditada a súa concesión á correspondente resolución, emitida en base á Lei Xeral Tributaria.

 

CURSO DE PODA DO VIÑEDO E DAS FROITEIRAS

12/11/2017 - Novas do Concello

A oficina Agraria comarcal de Ourense, organiza no Pazo de Fontefiz un curso de Poda de viñedos e froiteiras.

A duración do curso será de 30 horas, con data de inicio 20 de novembro ao 29 de novembro, con horario de 16:00 h a 19:45 h.

É necesaria a súa inscrición nas oficinas do Concello de Coles, teléfono 988 205 134, ou nas oficinas De Agraria Comarcal de Ourense, teléfono 988 386 535 / 988386 545.

O curso é gratuíto, e esta cofinanciado cun 75% FEADER.

O programa do curso será seguinte:

Luns, 20 de novembro.- Fruticultura, xeneralidades. A plantación, conservación e mantemento das plantacións. Os patróns e as variedades. José Alberto Quintas Borrajo.

Martes, 21 de novembro.- Pragas e enfermidades das froiteiras. José Alberto Quintas Borrajo.

Mércores, 22 de novembro.- O viñedo: principios da poda, sistemas de poda. Francisco José Rego Martínez.

Xoves, 23 de novembro.- .O viñedo: sistemas de poda(continuación). O enxerto. Francisco José Rego Martínez.

Venres, 24 de novembro.- Demostración no campo, poda do viñedo e enxerto. Francisco José Rego Martínez.

Luns, 27 de novembro.- A poda das froiteiras: principios, épocas, ferramentas, sistemas. Isabel Otero Pombo.

Martes, 28 de novembro .- Poda das froiteiras de óso e de pebida. O enxerto nas froiteiras. Isabel Otero Pombo.

Mércores, 29 de novembro.- Demostración no campo, poda das froiteiras e enxerto. Isabel Otero Pombo

 

I CICLO TEATRO DE COLES

30/10/2017 - Novas do Concello

Comeza o I Ciclo de Teatro de Coles, un conxunto de actuacións teatrais no noso Auditorio coas que poderán desfrutar as vindeiras tardes de domingo.

Este ciclo ábrese o domingo día 5 de novembro ás 18:30 h, coa obra "Tarabeleando con Mario", presentada por Silvardeiras Teatro (Allariz).

A seguinte actuación, na que o grupo de teatro La Caja de Pandora (Verín) nos presenta "Un mal día",  terá lugar o domingo día 19 de novembro ás 18:30 h.

O domingo día 26 de novembro ás 18:30 h, será o Grupo de Teatro de Vilamarín o que nos visitará coa obra "Melocotón en almíbar".

E pechando este ciclo, o Grupo de Teatro Oreteiro (Ourense) preséntanos "Caixa pazpallo, caixa do k...", actuación que terá lugar o domingo día 3 de decembro ás 18:30 h.


FESTA INFANTIL SAMAÍN

24/10/2017 - Novas do Concello

A ANPA do CPI Antonio Faílde en colaboración co Concello de Coles organiza outro ano máis a Festa Infantil do Samaín.

Este ano celebrarase o sábado día 4 de novembro, das 16:30 h ás 19:00 h, no Pavillón de Coles, onde os máis pequenos poderán divertirse nos inchables e tamén no túnel do terror.

A entrada será gratuíta para os socios da ANPA e terá un prezo de 2 euros para os non socios.

A recollida das entradas levarase a cabo o domingo día 29 de outubro, de 17:00 h a 18:00 h, na Biblioteca do Concello

E recorda, tódolos nenos deberán ir acompañados por un adulto.

Anímate e ven disfrazado!


 

Icono de conformidad con el Nivel Doble-A, 
	de las Directrices de Accesibilidad para el 
	Contenido Web 1.0 del W3C-WAI ¡CSS Válido!Valid XHTML 1.0 Transitional
Programación e Deseño Web: Ainet Consulting
(C) Concello de Coles - Aviso Legal