Tlf. 988 205 134    |    Fax 988 205 107   |   info@concellodecoles.com
Web en Galego GALEGO    |    Web en Castellano CASTELLANO

DECLARACIÓN 8 DE MARZO - DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

05/03/2018 - Novas do Concello

No DÍA 8 DE MARZO, o concello de COLES manifesta un ano máis o seu compromiso coas mulleres, coa defensa dos seus dereitos e coas políticas de igualdade como instrumento para avanzar cara unha sociedade na que as mulleres sexan donas e exerzan dende a súa liberdade o protagonismo das súas propias vidas. 

concello de  COLES súmase ó apoio da convocatoria da folga de mulleres prevista para o 8 de marzo de 2018 no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e no dereito a vivir sen violencias.

A folga feminista do 8 de marzo pretende ser unha chamada de atención, dende o ámbito local máis próximo ó internacional, sobre a desigualdade e invisibilidade que historicamente sofren as mulleres, co obxectivo de esixir a mellora das súas condicións sociais e laborais para combater as discriminacións laborais agravadas pola medidas aplicadas baixo a coartada de crise económica.

O Concello de Coles fai un chamamento ás traballadoras e traballadores a secundaren a convocatoria de paros laborais, de manifestacións e mobilizacións que se leven a cabo con motivo do 8 de marzo, para reiterar o noso compromiso activo coa eliminación da discriminación laboral, económica e social das mulleres, que pasa polos seguintes puntos fundamentais:

- Avanzar na eliminación das violencias machistas, garantindo o estrito cumprimento do compromiso económico, seguimento e avaliación das medidas acordadas no Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero.

- Impulsar o diálogo social e a negociación colectiva, incrementar as políticas activas de emprego, esixir plans de igualdade en tódalas empresas obrigadas por lei e establecer medidas de acción positiva, imprescindibles para combater as brechas de xénero no emprego, avanzar en conciliación e corresponsabilidade e eliminar as desigualdades na protección social.

- Incrementar os recursos técnicos e humanos da inspección de traballo, e mellorar os criterios de vixilancia e control do cumprimento da igualdade efectiva entre mulleres e homes no ámbito laboral.

- Activar políticas e medidas efectivas de corresponsabiliade, para que os coidados se repartan equitativamente entre mulleres, homes, a sociedade e o Estado, como a aprobación da quinta semana do permiso de paternidade, postergada polo Goberno, ou a retribución das excedencias por coidado familiar, en liña coas propostas aprobadas pola Comisión Europea en 2017.

- Fortalecer os servizos públicos, especialmente en educación, sanidade e servizos sociais, impulsando un modelo educativo igualitario que combata os estereotipos sexistas, así como garantir as infraestruturas públicas necesarias para a atención a maiores, persoas dependentes e menores, especialmente de 0 a 3 anos. -

Promover unha lei para a igualdade salarial, e avanzar na representación paritaria nos distintos órganos de representación e decisión do conxunto das estruturas sociais e económicas da sociedade española.

- Ratificar o Convenio 189 da Organización Internacional do Traballo (OIT) sobre o traballo digno das traballadoras do fogar. - Promover de xeito activo, dende a representación de España na OIT, a aprobación dun Convenio Internacional contra a violencia de xénero no lugar de traballo.

Por todas estas razóns e en definitiva porque malia ós avances en políticas de igualdade, aínda persisten graves discriminacións de xénero e estereotipos de carácter sexista que impiden ás mulleres participar en igualdade de condicións, este 8 de Marzo e tódolos días do ano, débennos facer reflexionar ó conxunto da sociedade sobre a realidade que teñen as mulleres no noso país, e de que modo contribuímos dende os distintos ámbitos políticos, institucionais e de goberno a establecer as medidas necesarias para modificar esta realidade.

Non pode haber unha sociedade verdadeiramente democrática se non somos capaces de eliminar os comportamentos e actitudes machistas que atentan contra máis da metade da poboación. O machismo, froito do patriarcado máis rancio e máis prexudicial para as mulleres esténdese en tódolos ámbitos, dende o familiar, social e laboral ata a máis cruel das manifestacións como é a violencia de xénero que se exerce cara ás mulleres. Unha sociedade libre de machismo é o noso obxectivo.

Porque non poderá haber progreso social se non se recoñece o talento e a capacidade das mulleres nos diferentes ámbitos da sociedade, así como a súa contribución ó desenvolvemento económico e social do noso país.

O 8 de marzo, non pode ser simplemente unha data máis de conmemoración dun Día Internacional, é unha data histórica e clave na loita do feminismo e para millóns de mulleres no mundo, esta data é ante todo unha xornada de loita, de sensibilización e concienciación ante o conxunto da sociedade do camiño que aínda temos que percorrer para acadar a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.


     

    Icono de conformidad con el Nivel Doble-A, 
	de las Directrices de Accesibilidad para el 
	Contenido Web 1.0 del W3C-WAI ¡CSS Válido!Valid XHTML 1.0 Transitional
    Programación e Deseño Web: Ainet Consulting
    (C) Concello de Coles - Aviso Legal